martes, 18 de xuño de 2019



ESTE VERÁN, PÁSAO MOI BEN

 E NON TE ESQUEZAS DE LER


Resultado de imagen de leer en verano



Consulta as suxestións da Biblioteca premendo aquí




luns, 17 de xuño de 2019


VII Concurso de poesía escolar Rosalía de Castro

Parabéns Sara Silva dos Santos!!!!

O día 3 de xuño a Fundación Rosalía de Castro deu a coñecer as premiadas e premiados no VII Concurso de Poesía Escolar Rosalía de Castro para o alumnado de Secundaria e Bacharelato, entre os que se atopaba a nosa alumna de 1º B Sara Silva Dos Santos, que obtivo o primeiro accésit na categoría de primeiro ciclo de ESO.
Os premios foron entregados o día 7 de xuño no auditorio da Casa-Museo de Rosalía en Padrón, a onde a alumna asistiu a recoller o premio e foi acompañada pola xefa do Departamento de Lingua e literatura galega do IES de Pastoria, Margarita Fernández Ledo e pola súa profesora de lingua galega, Carmen Pardo Arriví .
No acto de entrega de premios leu o seu poema “Luz/escuridade, baleiro/luz”.
Parabéns, Sara !




I-LUZ / ESCURIDADE



No medio das tebras vin unha luz
que conseguiu cegarme,
esa luz sempre me acompaña
alá onde vaia.


Grazas a ela …
síntome protexida e forte,
porque é luz,
é espada,
é escudo ,
afasta de min a escuridade
e non deixo que me alcance,
non deixarei que iso aconteza,
antes tería que pisarme,
camiñar sobre min.


Mais pouco a pouco a escuridade chega,
consómeme,
rodéame dun mal que me acompaña.


Non puiden aturar máis
e aínda que a intentaba afastar,
non conseguín nada,
só ficar rendida,
deixar que me venza.


Pouco a pouco, paseniñamente,
pecho os ollos ,
ata que chego a un punto en que por fin durmo…


II-BALEIRO/LUZ


Sinto un baleiro no meu interior ,
onde me vai o corazón ?
Non escoito os seus latexos.


Racharon o meu corazón,
con crueldade, con rabia.
Sinto que me arrancaron
algo que me fai moita falta ,
non sei que facer neste abandono.
Visualizo o horizonte,
non queda nada,
desexaría estar perdida naquela illa.


Non podo moverme, estou paralizada,
sinto o meu corazón baleiro,
non sei o que é amar .
Mais a luz sempre regresa de novo ,
ilumina o meu corazón,
doulle as grazas .
Agora podo vivir amablemente,
regalar un sorriso.


Preto desa luz síntome segura e protexida,
dáme calor e esperanza
e sigo adiante,
érgome ,
deixo que agrome en min a alegría
e percorro o camiño ...

Sara Silva dos Santos

1º B ESO



luns, 3 de xuño de 2019

O valo de Carlos Labraña



Marwan, un meniño de apenas catro anos, cruzou coa súa familia o deserto, fuxindo da guerra de Siria.
O alumnado de 1º de ESO asistiu á representación d´O Valo no auditorio de Meicende, unha obra que nos fai refexionar sobre as guerras, o drama dos refuxiados e os valos, muros e fronteiras que dividen o mundo.
Nese día puidemos asistir á representación teatral, levada a cabo polo propio autor da peza -Carlos Labraña- que deu corpo e voz ao espírito do deserto e Pablo Núñez Otero no papel de soldadiño.
Despois da representación teatral, o alumnado do IES de Pastoriza puido dialogar co autor e comentar tanto cuestións relacionadas coa creación da peza teatral, como aspectos referidos á súa posta en escena.
Con esta obra teatral Carlos Labraña gañou o IX Premio de Literatura Dramática Infantil 2016.