luns, 17 de xuño de 2019


VII Concurso de poesía escolar Rosalía de Castro

Parabéns Sara Silva dos Santos!!!!

O día 3 de xuño a Fundación Rosalía de Castro deu a coñecer as premiadas e premiados no VII Concurso de Poesía Escolar Rosalía de Castro para o alumnado de Secundaria e Bacharelato, entre os que se atopaba a nosa alumna de 1º B Sara Silva Dos Santos, que obtivo o primeiro accésit na categoría de primeiro ciclo de ESO.
Os premios foron entregados o día 7 de xuño no auditorio da Casa-Museo de Rosalía en Padrón, a onde a alumna asistiu a recoller o premio e foi acompañada pola xefa do Departamento de Lingua e literatura galega do IES de Pastoria, Margarita Fernández Ledo e pola súa profesora de lingua galega, Carmen Pardo Arriví .
No acto de entrega de premios leu o seu poema “Luz/escuridade, baleiro/luz”.
Parabéns, Sara !




I-LUZ / ESCURIDADE



No medio das tebras vin unha luz
que conseguiu cegarme,
esa luz sempre me acompaña
alá onde vaia.


Grazas a ela …
síntome protexida e forte,
porque é luz,
é espada,
é escudo ,
afasta de min a escuridade
e non deixo que me alcance,
non deixarei que iso aconteza,
antes tería que pisarme,
camiñar sobre min.


Mais pouco a pouco a escuridade chega,
consómeme,
rodéame dun mal que me acompaña.


Non puiden aturar máis
e aínda que a intentaba afastar,
non conseguín nada,
só ficar rendida,
deixar que me venza.


Pouco a pouco, paseniñamente,
pecho os ollos ,
ata que chego a un punto en que por fin durmo…


II-BALEIRO/LUZ


Sinto un baleiro no meu interior ,
onde me vai o corazón ?
Non escoito os seus latexos.


Racharon o meu corazón,
con crueldade, con rabia.
Sinto que me arrancaron
algo que me fai moita falta ,
non sei que facer neste abandono.
Visualizo o horizonte,
non queda nada,
desexaría estar perdida naquela illa.


Non podo moverme, estou paralizada,
sinto o meu corazón baleiro,
non sei o que é amar .
Mais a luz sempre regresa de novo ,
ilumina o meu corazón,
doulle as grazas .
Agora podo vivir amablemente,
regalar un sorriso.


Preto desa luz síntome segura e protexida,
dáme calor e esperanza
e sigo adiante,
érgome ,
deixo que agrome en min a alegría
e percorro o camiño ...

Sara Silva dos Santos

1º B ESO



luns, 3 de xuño de 2019

O valo de Carlos Labraña



Marwan, un meniño de apenas catro anos, cruzou coa súa familia o deserto, fuxindo da guerra de Siria.
O alumnado de 1º de ESO asistiu á representación d´O Valo no auditorio de Meicende, unha obra que nos fai refexionar sobre as guerras, o drama dos refuxiados e os valos, muros e fronteiras que dividen o mundo.
Nese día puidemos asistir á representación teatral, levada a cabo polo propio autor da peza -Carlos Labraña- que deu corpo e voz ao espírito do deserto e Pablo Núñez Otero no papel de soldadiño.
Despois da representación teatral, o alumnado do IES de Pastoriza puido dialogar co autor e comentar tanto cuestións relacionadas coa creación da peza teatral, como aspectos referidos á súa posta en escena.
Con esta obra teatral Carlos Labraña gañou o IX Premio de Literatura Dramática Infantil 2016.




venres, 31 de maio de 2019

Saída do Club de lectura 2018-19


Como actividade de fin de curso e para agasallar aos integrantes do noso Club de lectura, realizamos unha saída cultural. Este ano decidimos visitar as Terras de Soneira e fomos ao Castelo de Vimianzo, ás Torres do Allo e aos muíños de Mosquetín. Realizamos un Safari fotográfico en Vimianzo e unha xincana nas Torres do Allo. Pasámolo moi ben e animamos ao alumnado do IES de Pastoriza para que se apunte o próximo curso ao noso proxecto.




mércores, 8 de maio de 2019

LEDICIA COSTAS


Hoxe tivemos a sorte de contar no noso instituto cunha das nosas escritoras favoritas; Ledicia Costas.
A súa charla -coma sempre- amena e chea de anécdotas interesantes.
Grazas Ledicia por compartir connosco o teu tempo e a túa sabiduría!




martes, 9 de abril de 2019

V TORNEO DE XADREZ IES DE PASTORIZA


Do 9 ao 12 de abril na Biblioteca





Gañadores:
1º premio: Artai Duarte Prieto
2º premio: Pedro Villanueva Ternande
3º premio: Óscar Pillado Villaverde

Parabéns para os gañadores e para tod@s os participantes. Moitas grazas a Óscar de Prado por arbitrar o torneo.


venres, 8 de marzo de 2019

8 de MARZO
DÍA DA MULLER TRABALLADORA



Pasa pola Biblioteca e mira a nosa selección de libros




martes, 19 de febreiro de 2019

SEMANA DE ROSALÍA DE CASTRO 
DO 19 AO 24 DE FEBREIRO




Esta semana Radio Furoca ten unha programación especial sobre a poesía de  Rosalía de Castro.

Grazas a todas e a todos pola vosa participación nesta efeméride.

martes, 29 de xaneiro de 2019



DEBORAH GARCÍA BELLO


O xoves 24 de xaneiro veu dar unha charla ao noso instituto ao alumnado de 4º de ESO a divulgadora científica Deborah García Bello.  A actividade estivo organizada pola Bibioteca e os Dptos. de EF e CCNN.
A conferencia resultou un éxito e Deborah foi didáctica, próxima e amena. 
Quedounos claro que unha mentira, por moitas veces que se repita, non chega nunca a ser unha verdade; e isto sucede tamén en alimentación e nutrición. Cantas veces escoitamos dicir: "bebe o zume axiña, que se lle van as vitaminas!!!", cando en realidade as vitaminas non se poden volatilizar. E este é o último título de Deborah ¡Que se le van las vitaminas! Mitos y secretos que solo la ciencia puede resolver.
Disto e doutras cousas máis falounos na súa charla e na entrevista que lle concedeu á Radio Furoca.



mércores, 7 de novembro de 2018


                                        SAMAÍN 2018


                                Composición gañadora. 3º B

Este ano celebramos o Samaín facendo un concurso de lápidas en colaboración co Departamento de Plástica. A participación foi masiva e os resultados estupendos.
O xurado non o tivo doado!!!! Finalmente gañou 3º B.
Grazas e parabéns para todos.

mércores, 10 de outubro de 2018


Un ano máis dámosvos a benvida á bibioteca do IES de Pastoriza.
Vén mirar as nosas novidades

O equipo da biblioteca:

Este curso 2018-19 está formado polas seguintes profesoras:
  • Manoli Acuyo
  • Montse Collazo
  • Cruz Gabiola
  • Gloria del Pino López
O horario da biblioteca:

A biblioteca estará aberta durante todos os recreos, agás os días de reunión do Club de lectura que será de uso só para os participantes desta actividade.

Novos usuarios:

Xa están incorporados como novos lectores o novo profesorado e o alumnado que se incorporou este curso ao centro por primeira vez. O resto do profesorado e alumnado mantén o mesmo nº de lector que o curso pasado; non obstante, están colgadas no taboleiro de enfronte da biblioteca as listaxes de alumn@s por curso e grupo co correspondente nº de usuario. Así tamén temos unha copia na carpeta da mesa do profesor da biblioteca.

Club de lectura "A nora dos libros":

A coordinadora desta actividade é Gloria del Pino López.
Este ano temos dous agrupamentos diferentes segundo o nivel dos lectores; un para os cursos 1º e 2º  que comezarán coa lectura de El principito , unha novela de Antoine Saint-Exupéry e outro para 3º e 4º que lerán no primeiro trimestre El señor de las moscas de William Golding.

Préstamos:

Coma sempre os libros -tanto en papel como en ebook- préstanse 15 días e pódese renovar o préstamo por 15 máis, sempre e cando o libro non sexa de lectura obrigatoria para a clase, porque de ser así non se podería renovar.
As películas están clasificadas segundo a idade recomendada e só se prestan durante a fin de semana e terase en conta a idade do alumno que a solicita.

Tablets e ordenadores:

Os usuarios da biblioteca poden utilizar as tablet e ordenadores durante os recreos para consulta en sala (este material non se presta). Ten prioridade o alumnado que o demande para a realización de algún  traballo respecto a aqueles que só o usen para lecer.

Catálogo da biblioteca:

O catálogo da biblioteca está na rede e pode ser consultado dende calquera dispositivo.

Actividades da biblioteca:

Como todos os anos, promoveremos actividades das que seredes puntualmente informados. Esperamos a vosa participación, así como tamén que nos fagades partícipes das vosas preferencias e intereses.

O recuncho das linguas:

Este curso, igual que os anteriores, contamos cun faladoiro de inglés que estará dinamizado pola axudante de conversa Elizabeth Lee e desenvolverase os luns ás 10.20 no 1º recreo na zona de sofás, polo que este lugar queda reservado para este uso durante eses períodos.

O escritor do mes:

Este curso temos unha nova sección chamada O escritor do mes que terá presenza no taboleiro da biblioteca e tamén contará cunha sección en Radio Furoca.

Mesa de novidades:

Coma sempre, á entrada da biblioteca temos a mesa de novidades onde imos expoñendo os libros que chegan á nosa biblioteca.

Adquisición de novo material:

Temos unha caixa de suxestións na biblioteca, de xeito que podedes facernos saber os libros, películas ou xogos que sexan do voso interese e na medida das nosas posibilidades irémolos adquirindo.