Estamos de volta con moita ilusión por volver a vernos nos recreos.
Este curso a Biblioteca será a de sempre mais debido á situación sanitaria, haberá algúns cambios coa finalidade de poder seguir abertos nun entorno seguro. Non se trata de que as encargadas da Biblioteca se vaian parecer á boneca da foto, mais sí haberá unhas normas novas que deberedes coñecer. Abriremos tan axiña como todo estea listo e vos avisemos.
1.- Cando toque o timbre do recreo, podes baixar e situarte nunha das marcas azúis que hai nas paredes no corredor a carón da Biblioteca. Só hai 18 números, porque só temos 18 prazas. Se non conseguiches praza, podes intentalo outro día.
2.- Ao entrar, limpa as mans con xel e senta no posto co número no que estabas agardando no corredor. A encargada da Biblioteca anotará o número onde sentaches para levar control de quén estivo e onde sentou.
3.- Este ano non podes usar os xogos da Biblio. Podes traer os teus apuntamentos ou libros e estudar, ler ou traballar. Non podes pasear pola estancia, nin remexer nas estanterías, nin falar cxs compañeirxs. Se precisas algo da encargada, achégate á mesa pero permanece na marca do chan.
4.- Se cansas, podes marchar mais non podes volver a entrar. Tampouco pode entrar ninguén que non estivera facendo cola ao principio do recreo. Trátase de que non haxa persoas circulando polos corredores.
5.- Se queres pedir un libro, debes meter unha nota co título, nome completo, curso e número de lector nunha caixa que deixaremos na porta. Os libros pídense os luns e martes.
6.- Para recollelos, podes vir mércores e xoves.
7- Para devolver os libros, podes deixalos nas caixas que estarán dispoñibles.
Ningún comentario:
Publicar un comentario